23/06/2022.- NOVAS MUNICIPAIS 
A Bandeira do Carmen e a Acta de entrega da bandeira van ser inauguradas novamente despois de un proceso de restauración que durou máis de un ano.
A Bandeira da Liga de Amigos do Carmen, donada polos cesureños residentes en Cuba, foi traída dende A Habana no ano 1912 polo presidente da “Sociedad Hijos de Puentecesures” na Habana e José Llerena Braña, apoderado do Centro Gallego.
Na acta de donación aparecen nomes como Bandín, Temperán, Carrera, Magariños, Mosquera, Abalo e Llerena, os mesmos que máis tarde fixeran un donativo para a adquisición do “Gabinete de Física y Química” da Escuela Graduada.
De máis recente aparición foi a Acta fundacional, cedida hai un par de anos por descendentes da familia Llerena, un dos asinantes de aquel primeiro documento e que estivo gardada na caixa forte do Concello á espera de conseguir persoal técnico que puidese devolverlle o seu aspecto orixinal.
Dende o Concello, convidamos a toda a veciñanza a asistir ao acto de inauguración de ámbolos dous símbolos o vindeiro día 3 de xullo, Domingo do Carmen, ás 12:00 horas no Salón de Plenos do Concello, onde contaremos coa presenza de descendentes dos primeiros fundadores da “Sociedad Hijos de Pontecesures” e demáis autoridades autonómicas e provinciais.
|