|
Actualidade » Eventos e Actividades
|
|
Visita do Apalpador |
02/01/2023.- EVENTOS E ACTIVIDADES O Concello de Pontecesures recibirá esta semana dúas visitas dirixidas aos máis pequenos da casa: o Apalpador e os Reis Magos de Oriente. O Apalpador, figura tradicional do Nadal en Galicia, percorrerá as rúas do centro urbano de Pontecesures este mércores 4 de xaneiro, a partir das 11:00 horas, acompañado do seu compañeiro acordeonista Servando Barreiro e o seu burro Río Lor.
Música, baile e divertidas anécdotas polas rúas do municipio grazas á colaboración do Concello de Pontecesures co Departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra, dentro da oitava edición do programa “Nadal en Galego”. Unha iniciativa que busca fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia de Galicia e que os máis cativos se familiaricen coa personaxe.
Cabalgata de Reis
Un día despois, o xoves 5 de xaneiro terá lugar a tradicional Cabalgata de Reis polas rúas de Pontecesures. A comitiva real partirá ás 17:00 horas da nave de obras e fará un percorrido polas rúas do centro urbano, que estarán cortadas ao tráfico rodado con desvíos previamente sinalizados. Melchor, Gaspar e Baltasar serán recibidos na Plazuela polo alcalde, Juan Manuel Vidal Seage, á fronte da corporación municipal.
Ademais da tradicional recepción das Súas Maxestades con reparto de lambonadas entre a rapazada, o Concello de Pontecesures ten preparado tamén o espectáculo de animación “MeRe-cidamente”, a cargo do clown David Merelas. Unha actuación de 50 minutos para todos os públicos que combina clown, malabares e equilibrios e no que prima a participación e a interacción co público.
|
|
|
|
|
|
|
|