04/01/2023.- NOVAS MUNICIPAIS  Os nenos e nenas de Pontecesures recibiron esta mañá a visita do Apalpador que, acompañado do seu compañeiro acordeonista Servando Barreiro e do seu burro Río Lor, percorreu o centro da vila cantando e bailando. Un percorrido que iniciou na Plazuela, onde foi recibido polo alcalde, Juan Manuel Vidal Seage, e a concelleira de Cultura, Laura Villar.
O que comezou sendo unha actuación para catro ou cinco nenos na Plazuela foise convertendo nun espectáculo de rúa de máis de media hora e que congregou máis de vinte cativos, que foron chegando da rúas próximas. Unha cativada que non deixou de cantar e bailar na Plazuela ao ritmo das propostas do Apalpador e os seus axudantes, para rematar cun carrusel en torno á árbore de Nadal da Plazuela no que os máis pequenos aproveitaban para montar no burro de madeira.
Tras recibir os aplausos de crianzas e público adulto, o Apalpador comezou un pasacalles polo centro de Pontecesures. Unha divertida iniciativa promovida polo Departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra dentro da oitava edición do programa “Nadal en Galego”, ao que se adheriu o Concello de Pontecesures. Unha iniciativa que busca fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia de Galicia e que os máis cativos se familiaricen coa personaxe, fronte á versión de Papá Noel.
|