|
Actualidade » Novas Municipais
|
|
Juan Manuel Vidal destaca a importancia do proxecto “Da túa man rural” para poñer en valor o comercio de proximidade |
20/02/2023.- NOVAS MUNICIPAIS  O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, participou na presentación do programa “Da túa man rural”, que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá aos 11 concellos onde se vai desenvolver esta iniciativa de apoio á actividade comercial e hostaleira en zonas rurais da provincia. Para o alcalde é unha gran nova que Pontecesures sexa un dos once municipios escollidos xa que “somos un concello pequeno onde o peso do comercio é moi importante”.
Juan Manuel Vidal Seage explica que se trata dun proxecto “moi interesante para poñer en valor o comercio de proximidade, algo que dende o Concello de Pontecesures levamos traballando dende hai tempo con infraestruturas como a praza de abastos e que agora se vai completar a nivel de sinalización e formación para os propios comerciantes, para que sexan quen de dar visibilidade aos seus produtos e actividades”.
O proxecto “Da túa man rural” desenvolverase en 11 concellos do rural pontevedrés: Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures. E o fará grazas a unha achega de preto de medio millóns de euros (499.972 €) dos fondos NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, que cubre o 80% do orzamento total de 624.965 euros, mentres que o 20% restante (124.933 €) corre a cargo da Deputación.
A presidenta provincial, Carmela Silva, subliñou a importancia deste proxecto porque “apoiar o comercio e a hostalería local, que siga existindo, é algo fundamental para que os concellos sigan vivos”. En total, “Da túa man rural” impactará nos máis de 700 locais de comercio polo miúdo e de hostalería que existen nestes 11 concellos, cos que comezarán a contactar a partir do 1 de marzo.
A finalidade de “Da túa man rural” é a de visibilizar e modernizar o pequeno comercio local a través da dixitalización, a economía circular e o desenvolvemento de plataformas. Asía, ao longo dos próximos dous anos deseñaranse e lanzaranse tres campañas de comunicación en medios dixitais e radiofónicos. Por outra banda, dotarase de prazas de aparcamento reservadas e deseñadas para persoas con mobilidade reducida, ademais de delimitar a zona comercial mediante o embelecemento con xardineiras. A transformación do punto de venda contemplarase coa instalación de sinalética corporativa luminosa con carga solar que contará coa información sobre a localización da zona comercial e dos comercios, dirixida a visitantes, turistas e residentes e que se asociará con códigos QR.
En materia de sostibilidade promoveranse novos deseños de packaging para o comercio como alternativa sostible ao plástico e o papel, e instalaranse illas ecolóxicas dotadas de contedores para papel e cartón, envases lixeiros, vidro, biorresiduos e residuos especiais como pilas, lámpadas ou residuos electrónicos.
Finalmente, porase en marcha unha rede de comercio local que integrará aos axentes do mesmo cos produtores locais e provedores de servizos. “Desenvolveremos unha plataforma tecnolóxica que contará cunha parte pública e outra privada, a modo de intranet, para poñer en valor o comercio local desde o público e o privado”, explicou Carmela Silva. Por último, en materia de sensibilización e formación faranse talleres dirixidos aos comerciantes sobre xestión de negocio con novas tecnoloxías, maketing dixital e venda online; así como obradoiros tanto para comerciantes como para persoas consumidoras para aprender a prever a xeración de residuos, a reutilización de produtos ou a correcta separación dos residuos para a súa reciclaxe.
|
|
|
|
|
|
|





.JPG)

.png)
.jpg)



.jpg)




.jpg)


.jpg)
.jpg)
.jpg)
|