|
Actualidade » Novas Municipais
|
|
O Concello de Pontecesures recibe todas as autorizacións para sacar a licitación a mellora da mobilidade en San Xulián por 155.000 euros |
28/04/2023.- NOVAS MUNICIPAIS  O Concello de Pontecesures vén de recibir todas as autorizacións precisas para sacar a licitación o proxecto de mellora da mobilidade na contorna de San Xulián, próximo ao núcleo urbano cesureño. Unha actuación que sairá a licitación por 155.638,04 euros unha vez conseguidas tanto o financiamento das obras como todas as autorizacións requiridas, tanto pola proximidade da Igrexa de San Xulián de Requeixo como pola recente cesión de terreos ao Concello por parte de veciños e veciñas da zona.
A actuación centrarase nos viarios das rúas do Outeiro e do Coengo, que atravesan o núcleo de San Xulián e que na actualidade teñen deteriorada a súa capa de rodaxe polo paso do tempo. Ademais, na zona hai zonas de sobreancho e retranqueos de muros aínda sen pavimentar, polo que que o ancho da calzada, que oscila entre os 3 e os 5,8 metros, impide garantir o paso dos vehículos e o propio tránsito peonil nunhas condicións óptimas de seguridade e comodidade.
O Concello de Pontecesures vai actuar especialmente nestas zonas: demolendo e reconstruíndo os muros segundo a liña de retranqueo definida e urbanizando os espazos cedidos ao Concello pola veciñanza tras moitos meses de negociacións. Deste xeito conseguirase aumentar o espazo público ao servizo da veciñanza de San Xulián. Os cerramentos reconstruiranse co mesmo material do muro existente, é dicir, de mampostería de pedra granítica.
A maiores, o Concello de Pontecesures aproveitará estes traballos para proceder á renovación das conducións de saneamento e abastecemento soterradas. Contémplase a execución dunha nova rede separativa de saneamento e de pluviais, así como a renovación da rede de abastecemento existente, onde se levarán a cabo tamén as acometidas precisas para a conexión á rede xeral.
|
|
|
|
|
|
|





.JPG)

.png)
.jpg)



.jpg)




.jpg)


.jpg)
.jpg)
.jpg)
|