|
Actualidade » Novas Municipais
|
|
O Concello de Pontecesures dá o visto bo ao segundo alleamento de aproveitamentos madeireiros no Monte Salgueiras |
06/05/2023.- NOVAS MUNICIPAIS Técnicos do Concello de Pontecesures e do Distrito Forestal visitaron esta semana a zona do Monte Salgueiras onde se vai acometer o segundo alleamento de aproveitamentos madeireiros. Unha operación de clara selectiva polo baixo do piñeiro e a eliminación das acacias e eucaliptos existentes nestas 30,96 hectáreas de monte de utilidade pública.
Un monte pertencente ao Concello de Pontecesures, que agarda ingresar uns 22.000 euros. Os cartos, tal e como recollen as bases do propio aproveitamento, serán reinvestidos en actuacións forestais municipais e no fondo de melloras do Comité Provincial de Montes. Neste caso, o Concello de Pontecesures acometerá actuacións de mantemento e mellora da contorna do Miradoiro do Galiñeiro. Unha superficie dunhas catro hectáreas onde está previsto acometer unha xestión forestal responsable, que inclúe unha primeira plantación de especies autóctonas, especialmente de especies como bidueiros e freixos, con algúns castiñeiros e carballos, nas zonas sinalizadas polos expertos en paisaxismo.
O segundo alleamento de aproveitamentos madeireiros que se vai acometer no Monte Salgueiras centrarase nas faixas auxiliares das pistas, na contorna da capela da Virxe do Carme, do cemiterio e diante do miradoiro do Galiñeiro, o que mellorará as vistas sobre os meandros do Ulla. Terá un volume de 1.231 toneladas e o seu presuposto base de licitación ascende a 22.336,6 euros.
Esta actuación é posible grazas ao Plan de Ordenación Forestal para o monte Salgueiras, aprobado polo Goberno Local a finais de 2021, no que identificaban estes aproveitamentos forestais e as claras a levar a cabo.
|
|
|
|
|
|
|
|