|
Actualidade » Eventos e Actividades
|
|
A Praza de Abastos de Pontecesures celebra este sábado 10 de xuño o Día Internacional dos Mercados |
06/06/2023.- EVENTOS E ACTIVIDADES A Praza de Abastos de Pontecesures foi a escollida este ano pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia para celebrar este sábado 10 de xuño o Día Internacional dos Mercados. Deste xeito, todas as persoas que merquen na Praza de Abastos cesureña recibirán como agasallo material promocional da campaña “Quere o teu mercado”.
A maiores, a partir das 13:00 horas, o Concello de Pontecesures organizará un showcooking con produtos da praza, uns pratos que posteriormente serán degustados de balde polas persoas presentes. O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, explica que “queremos darlle visibilidade os nosos produtos de proximidade elaborando un showcooking nas instalacións da propia praza e con produtos do propio mercado. Despois faremos unha degustación entre os praceiros e praceiras, así como entre a veciñanza que se achegue a mercar”.
A Xunta de Galicia leva cinco anos celebrando a campaña “Quere o teu mercado” co obxectivo de apoiar, promover e visibilizar o papel dos mercados nas vilas, potenciando así a compra do produto local ao amosar a profesionalidade dos praceiros e das praceiras. O Concello de Pontecesures adheriuse a esta campaña pola importancia do seu mercado da Praza de Abastos, onde a súa veciñanza merca produto de proximidade.
“Quere o teu mercado” é unha iniciativa que a Xunta de Galicia promove en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de Comerciantes. Este ano terá lugar este sábado 10 de xuño e nela participarán un total de 28 mercados de toda Galicia, onde se levarán a cabo actividades para incentivar o consumo. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo escolleu este ano á Praza de Abastos cesureña para o reparto do material promocional.
|
|
|
|
|
|
|
|