09/06/2023.- NOVAS MUNICIPAIS O Concello de Pontecesures vén de conseguir unha subvención de 29.000 euros da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para a compra dun camión basculante con caixa aberta para o servizo de vías e obras. Un vehículo que ten un orzamento de 30.092,7 euros e que será financiado con cargo do Fondo de Cooperación Local.
O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, explica que “este camión con basculante e con caixa aberta mellorará a operatividade e loxística do Servizo de Obras do Concello de Pontecesures, cuxo parque móbil conta actualmente cunha escasa flota de vehículos o que ocasiona problemas á hora de prestar servizos municipais básicos á veciñanza”. De feito, Vidal Seage lembra que “en concellos pequenos como o noso, este tipo de vehículos non se utilizan exclusivamente para o servizo de obras senón para moitos outros usos como poden ser trasladar o escenario desmontable ás distintas prazas do concello, recollida de alimentos solidarios na sede da Cruz Vermella, cabalgata de Reis...”.
|