|
Actualidade » Novas Municipais
|
|
O Concello de Pontecesures homenaxea ás piragüistas Nerea Novo e Candela Romero polos seus éxitos no Campionato do Mundo |
08/09/2023.- NOVAS MUNICIPAIS O salón de plenos do Concello de Pontecesures quedou pequeno para acoller a todas as persoas que asistiron esta mañá á homenaxe realizada a Nerea Novo e Candela Romero, deportistas do Club Náutico de Pontecesures, polos seus éxitos no Campionato do Mundo de Maratón disputado en Dinamarca. Un acto no que estiveron presentes familiares e amizades das dúas homenaxeadas, así como os seus compañeiros/as e adestradores/as do Náutico de Pontecesures.
Nerea e Candela foron recibidas pola alcaldesa de Pontecesures, María Teresa Tocino, quen estivo acompañada polo primeiro tenente de alcaldesa, Roque Araújo Rey; o concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Alberto Rivas de Jesús; e o presidente do Náutico de Pontecesures, Ángel Barreiro. En nome da corporación do Concello de Pontecesures, a alcaldesa trasladoulles “os nosos parabéns a ambas e a enorme satisfacción por poñer o nome do noso concello nos máis altos estándares deportivos”, salientando que “sodes un exemplo deportivo do que nos sentimos todos moi orgullosos”.
“Estamos hoxe aquí para recoñecer o gran traballo froito do esforzo e o sacrificio de Nerea, campioa do mundo de C1 xuvenil, e de Candela, que acadou o quinto posto na mesma categoría”, asegurou María Teresa Tocino, quen apuntou que se trata de “dúas rapazas que son un exemplo para todos nós, especialmente para a mocidade que teñen nelas un exemplo de como con esforzo, dedicación e sacrificio pódense acadar todas as metas. Ademais, son un exemplo para o deporte feminino e para todas as rapazas que ven nelas un referente deportivo ao que seguir e admirar”.
Así, fíxolles entrega de sendas placas conmemorativas coas imaxes dos seus éxitos no ICF Canoe Marathon World Champisonship 2023 disputado en Vejen (Dinamarca) no que Nerea Novo proclamouse campioa do mundo na categoría C1 Xuvenil, ademais de lograr o 7º posto en C1 short race na categoría absoluta, mentres que Candela Romero lograba un meritorio 5º posto no C1 xuvenil no que foi o seu debut na categoría. Así mesmo, recibiron un agasallo e un ramo de flores cada unha.
Náutico de Pontecesures
Finalmente, a alcaldesa cesureña agradeceu tamén o apoio das familias e “o gran traballo que está a facer o Náutico de Pontecesures, co apoio do Concello, ofrecendo a centos de rapaces e rapazas do noso municipio e doutros limítrofes unha alternativa de ocio saudable e que fomenta valores como o traballo en equipo, o esforzo e a constancia nun tempo no que estes valores non están moito de moda”.
Pola súa banda, Nerea e Candela coincidiron simplemente en agradecerlle ao Concello esta homenaxe e ao club Náutico de Pontecesures polo traballo e a formación que reciben. Uns agradecementos aos que se sumou tamén o presidente da entidade, Ángel Barreiro, quen rematou os seus agradecementos destacando que “somos unha gran familia e traballamos todos arreo”.
Entre o público asistente tamén estaba o alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca.
|
|
|
|
|
|
|
|