12/10/2025.- NOVAS MUNICIPAIS 
A obra de acondicionamento da contorna da estación de ferrocarril de Pontecesures xa está lista. A alcaldesa, Maite Tocino, e representantes da Deputación de Pontevedra acudiron ao acto de recepción dos traballos nos que a administración provincial investiu preto de 470.000 euros. Estes supoñen o 100% do investimento total da actuación, situada en 466.268,60 euros, dos cales 347.741,00 euros son cargo do programa PON2030 e 118.227,60 euros do programa PLAN +PROVINCIA 2024 (ambos convocados polo ente provincial). Desde a Deputación sinalan que dentro do seu espírito municipalista están a poñerse inxentes recursos a dispor dos concellos para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.
O acondicionamento da contorna da estación de tren de Pontecesures abarcou unha área de preto de 4.000 metros cadrados de espazo público e consistiu nunha mellora integral das rúas Estación, Rosalía de Castro e Castelao para mellorar así a súa calidade urbana. Ademáis dotouse a todo o espazo dunha plataforma única con prioridade para a mobilidade peonil, ampliáronse as beirarrúas e creáronse novas prazas públicas onde se instalou mobiliario urbano e creáronse zonas verdes. A actuación tamén supuxo reestruturar as zonas de aparcamento, así como aplicar medidas para a desconxestión do tráfico e completar as redes de abastecemento e saneamento.
|