19/09/2011.- EVENTOS E ACTIVIDADES
A exposición fotográfica ‘Nicaragua: unha realidade viva’ móstrase en Pontecesures
- As imaxes amosan o proxecto sociosanitario da ONGD Solidariedade Galega que foi cofinanciado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade - O vilagarcián Eduardo J. Castro retratou o labor dos voluntarios, a cultura do país centroamericano e mais o risco mortal que corren os mergulladores
A exposición ‘Nicaragua: unha realidade viva’ amósase desde o 17 de setembro, e ata o día 13 de outubro na vila pontevedresa de Pontecesures (Na Casa do Concello), dentro do seu percorrido polas sedes de diferentes Deputacións e Concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A mostra pode visitarse na Casa Consistorial, con entrada de balde.
A exposición ‘Nicaragua: unha realidade viva’ reúne as imaxes tomadas polo recoñecido fotógrafo vilagarcián Eduardo J. Castro no marco do proxecto ‘A formación sociosanitaria como vía de desenvolvemento’ que levou a cabo a ONGD Solidariedade Galega co cofinanciamento do Fondo nos municipios de Ocotal (Nueva Segovia) e Puerto Cabezas (Región Autónoma del Atlántico Norte).
Eduardo J. Castro, que ten exposto en diferentes cidades españolas e estranxeiras, conviviu cos voluntarios e voluntarias e mais co pobo nicaraguano durante o tempo do proxecto que amosa. O resultado son máis de 50 imaxes, tanto en cor como en branco e negro, que reflicten dun xeito sutil e artístico non só as actividades realizadas pola ONGD, senón tamén a problemática sanitaria e social dos mergulladores e mais a cultura e a sociedade do país centroamericano. Deste xeito, a mostra divídese en tres bloques para dar a coñecer a situación que se está a vivir en Nicaragua.
As xentes e o día a día do seu traballo e das súas vidas centran un dos apartados, tentando xerar unha sensación de empatía e proximidade no espectador. Outra sección plasma o traballo de Solidariedade Galega no departamento de Nueva Segovia, ao norte do país, que consistiu na elaboración dun programa de capacitación no eido da sanidade. Os destinatarios eran médicos, enfermeiras, parteiras e a rede conformada por brigadistas da saúde, bombeiros, policía e exército. Formouse a grupos de cada comunidade e aportáronse os medios necesarios para que eles trasladen á súa vez eses coñecementos a outros profesionais. Os mergulladores de Puerto Cabezas protagonizan a terceira parte da exposición, na que se explica a problemática destes traballadores. Ao careceren da formación e instrumentos axeitados para somerxérense, a pesca da lagosta mediante o mergullo autónomo condúceos a enfermidades con graves secuelas (paraplexías, tetraplexías) ou mesmo directamente á morte.
As administracións locais e provinciais asociadas ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dispoñen en exclusiva da mostra fotográfica ‘Nicaragua: unha realidade viva’ antes de que pase a algúns dos museos e salas de exposicións máis recoñecidas de Galicia. Trátase de achegar en primicia á poboación daquelas vilas que contribúen á cooperación internacional as realidades que os seus esforzos axudan a mellorar.
|