|
Reseñas Históricas » Historia do Concello
|
|
Historia do Concello |
O poboamento da antiga comarca de Iria foi probablemente íbero, no século VI a. C. Tamén existen pegadas da impronta fenicia, grega e cartaxinesa, antes de que os romanos establecesen nesta terra rentables explotacións.
As escavacións arqueolóxicas levadas a cabo en diferentes momentos corroboran este devir histórico, atopándose restos de cerámica fenicia nas ribeiras ullenses e na ampliación do porto de Cesures, vestixios do que parece que foi o antigo porto exterior de Iria.
A orixe etimolóxica do topónimo 'Pontecesures' non está totalmente clara, aínda que parece que podería estar relacionada con CENSURIS, por ser aquí onde se facían os empadroamentos romanos, e non con PONTECAESARIS, como algún historiador interpretou.
Na época romana construíuse unha ponte que unía ambas as marxes do Ulla; na Idade Media, o mestre Mateo reformouna e, xa finalmente, o seu aspecto actual débeselle ás obras de 1911.
Co descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago e o posterior auxe das peregrinacións a Compostela, o termo municipal converteuse nunha das encrucilladas do camiño.
O porto de Cesures tivo gran importancia e proba disto foi a construción nos seus estaleiros, en tempos de don Xelmírez, da Armada de Castela, para loitar contra os normandos e sarracenos, así como o monopolio da concesión real para carga e descarga de sal, no século XV. No século XIV instalouse unha malataría ou leprosaría na Rúa Nova, funcionando ata finais do século pasado.
No ano 1795 o rei Carlos IV mandou construír o almacén de Rentas Estancadas do Tabaco. Posteriormente, no ano 1881 Alfonso XII concedeulle á parroquia de San Xulián de Requeixo o título de vila de San Luís de Cesures.
Ata 1883, o termo pertenceu ao concello de Padrón e, posteriormente, ao de Valga, ata que en 1925 se asinou o Pacto da Devesa entre os representantes de ambas vilas. No mes de marzo de 1925 iniciáronse as primeiras xestións para acadar a segregación de Pontecesures do concello de Valga e o 9 de outubro dese mesmo ano elixiuse alcalde.
|
|
|
|
|